No Restaurante Mamá Torrelia de Viladerrei fixo aparición o xa lendario trío Os Esparrexedores: formación musical especializada en soprar con convicción en espallar melodías coma quen airea unha leira en primavera.
Ataviados con túnicas de respeuto litúrxico-festivo e turbantes que xa quixeran para si certas comparsas de Oriente Próximo, Os Esparrexedores demostraron que se pode facer música intensa mesmo cando o vermú non pasa do zume serio. O clarinete falaba, o saxo argumentaba e o bombardino asentía con gravidade institucional, creando un diálogo musical que os presentes cualificaron de “inesperado pero correcto”.
A acústica do local, convenientemente revestida con cartón de ovos de alta gama, contribuíu a que cada nota rebotase con dignidade e volvese ao seu dono, algo que o trío agradeceu mantendo o tipo e o ritmo sen que se lles derramase nin unha pinga de nada.
A versión do famoso hit número un en Radio Petarós "Son cheu, son cheu, son cheu Señor quen contigo quer falar" arrancou unha gran ovación.
Segundo fontes non contrastadas, Os Esparrexedores abandonaron Mamá Torrelia entre aplausos contidos, miradas de aprobación e a firme promesa de volver cando haxa vermú… ou cando non o haxa, que para eles iso xa é tradición
No hay comentarios:
Publicar un comentario